www.xiria.org

cineclub

Inicio




 

30 xaneiro
IN THIS WORLD
Reino Unido, 2002. Oso de Ouro na Berlinale 2003. Dirección: Michael Winterbottom. Guión: Tony Grisoni. Intérpretes: Jamal Udin Torab, Enayatullah, Imran Paracha, Hiddayatullah, Jamau. Música: Dario Marianelli. Fotografía: Marcel Zyskind. Duración: 88 min. V.O.S.E.

Sinopse: Coma unha marca deste tempo, a emigración é o tema desta película a cabalo entre a ficción e o documental. Realizada con actores non profesionais que se interpretan a si mesmos, documenta sinteticamente a situación inicial que viven os refuxiados afganos no campo de Pesawar, os preparativos da longa viaxe que deciden emprender dous deles, as negociacións cos traficantes que lles van axudar a escapar, o primeiro e frustrado intento de cruzar a fronteira, o segundo e máis exitoso, a estadía en Istambul, a viaxe en barco en condicións infrahumanas até a costa italiana, a subsistencia de Jamal en Italia e París e a súa chegada definitiva a Londres, onde consegue traballo como fregapratos nun bar. Desde aquí, Jamal realiza unha chamada telefónica ao pai do xove Enayatullah para comunicarlle a súa morte durante a travesía desde Turquía a Italia. É precisamente nesta fase da película na que Winterbottom rompe a sobria distancia que se autoimpón entre a súa cámara e a verdade dos personaxes que filma. A longa viaxe en barco cos personaxes encerrados nunha especie de armario metálico no interior dun camión de mercadorías, sen auga, comida nin luz, amontoados nun reducido espacio ocupado por unha decena de persoas, entre eles un ancián e un bebé, está alongada nun xesto evidentemente dramático que ten a intención de condensar neses minutos de película, en case absoluta escuridade e coa banda de son ocupada polos berros e golpes secos de Jamal, o único supervivente, a irracionalidade deste mundo en que vivimos.

 

ARQUIVO DO CINECLUB XIRIA

Clica aquí para ver as fichas dos filmes proxectados nas tempadas anteriores